Os gravados rupestres ou petroglifos son manifestacións simbólicas das comunidades prehistóricas. Sobre determinadas rochas do entorno que habitaban, gravaban figuras humanas, de animais, obxectos e símbolos, rebaixando surcos na superficie da pedra. As figuras perduraron ata os nosos días converténdose nun dos máis interesantes e orixinais vestixios arqueolóxicos do pasado. Estas figuras deberon gravarse sobre a rocha en diversas etapas, entre a Idade do Bronce e os primeiros séculos da Idade do Ferro.
Hai petroglifos en case todo o mundo. En Europa son abundantes nas terras nórdicas, nas ribeiras do Mediterráneo e na fachada atlántica. En Galicia existen numerosas estacións con gravados rupestres, especialmente concentrados nas Rias Baixas
|
A evolución do Concello de Muros no tempo é semellante á acontecida no resto de Galicia, pero cunhas singularidades ambientais e patrimoniais que conformaron o territorio tal e como o coñecemos hoxe. Da prehistoria recente hai constancia de varias mámoas catalogadas, por exemplo unha no curso alto do “Río do Catalán”, e dunha cista na parroquia de Abelleira, á beira da desembocadura do río Rateira. Ademáis teñen aparecido restos aillados (p. ex. Un machado de xisto pulido aparecido nas sondaxes realizadas en Abelleira en xaneiro do 2006, ou unha punta de frecha na praia do Ancoradoiro –Louro- no verán do 2004). Os petroglifos coñecidos están repartidos pola maioría das parroquias, con especial incidencia nas de Serres e Louro: entre elas, dúas son singulares no conxunto da arte rupestre galega, Cova da Bruxa e Laxe das Rodas. ![]() Laxe das Rodas (Louro) Danse a coñecer para a comunidade científica cos artigos de Alonso Romero (1979 “Sobre los orígenes del calendario y el petroglifo del Laxe das Rodas (Louro, Muros)”, 1981 “El Calendario ritual de Laxe das Rodas (Louro, Muros)” e 1983 “Nuevas consideraciones sobre el significado del petroglifo de Laxe das Rodas (Muros, Galicia)”), de Formoso Romero e Costa Calderón (1980 “Estación rupestre de Muros de San Pedro”), de García Martín (1983 “Estacións de arte rupestre de Carnota e Muros (A Coruña)”) e de Monteagudo (1981 “El petroglifo de Lagea das Rodas”) que, entre outras cousas, fala dun motivo ó que lle falta un anaco por causa da estraccions de canteiros e dos riscos e dos problemas de conservación. |
![]() Cova da Bruxa (Serres) Posteriormente na obra “Guía de los petroglifos de Muros” de Eiroa e Rey (1984) lévase a cabo unha catalogación dos xacementos rupestres dos que daquela se tiña noticia. A obra é ante todo un proxecto de divulgación da arte rupestre en xeral – esbozan pequenos capítulos explicativos tanto da época na que se inscriben os petroglifos coma da panorámica xeral desta manifestación artística en Galicia- e da muradana en particular –reducen as estacións de grabados a tres roteiros cos que podemos visitar tódolos petroglifos-. A finais da década dos noventa lévase a cabo unha serie de prospeccións nos que aparecen e se catalogan unhas dez novas estacións, unha delas no entorno próximo de Laxe das Rodas. |


